No Auditorio o 24 de abril

Femi Kuti

O rei do afrobeat

Sábado, 24 de abril
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 20 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas

O fillo do mítico líder nixeriano Fela Anikulapo Kuti presenta o seu primeiro álbum de estudo en sete anos, Day by Day. Femi Kuti é o rei do afrobeat, unha combinación de música yoruba, jazz, highlife e funk que seu pai creou a principios dos 60, que foi moi popular na África dos anos 70 e que el levou ata audiencias ás que seu pai nunca fora capaz de chegar.

Femi naceu en Londres, criouse en Lagos e foi saxofonista coas bandas do seu pai Africa 70 e Egypt 80 desde os 15 anos. Formou a súa propia banda, Positive Force, en 1986. Con ela publicou dous álbums africanos, No Cause For Alarm? e MYOB, antes de que Motown os lanzase ao mercado global a mediados dos noventa. En 1998, un ano despois da morte do seu pai, Femi publicou Shoki Shoki, unha ración de cólera que avivou a chama da familia Kuti. Temas como "Truth Don Die" ou "Blackman Know Yourself" convertéronse en himnos, a pesar de que o goberno nixeriano fixo todo o que estivo na súas mans para silencialos.

Ao longo dos últimos anos, Femi volveu a Nixeria, onde mantén o club Shrine coa súa irmá maior, Yeni, e perfeccionou a súa técnica como multi-instrumentalista. O seu esperadísimo novo álbum, Day By Day, é máis jazzístico que nada que Femi teña feito antes. O rei do afrobeat volve máis optimista e entusiasta que nunca, cun traballo que nos devolve aos días de gloria das grandes bandas de Nixeria, pero ampliando o abano ao jazz, ao aire de mensaxes perdidas de Marvin Gaye ou Curtis Mayfield e aos ecos fantasmais das cancións dos traballadores do primeiro século XX. Un novo clásico do rei do afrobeat. Un novo clásico de Kuti.



« Programa 2009
Escoita a Femi Kuti en mp3:
Day by day
One two
Oyimbo