No Auditorio o 27 de febreiro

Rodrigo Leão

Melodías tecidas pola emoción

Sábado, 27 de febreiro
No Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas
O prezo da entrada é de 15 euros, con descontos do 50% para menores de 25 anos e persoas xubiladas

Rodrigo Leão presenta o seu traballo máis introspectivo e nostálxico, A Mãe. Texturas melancólicas marca da casa arroupan as emocións propias e alleas que o recoñecido compositor portugués foi recollendo nas súas viaxes polo mundo, coas que tece melodías nas que mestura unha certa sensibilidade pop ancorada nas intervencións de Stuart Staples, dos Tindersticks, e Neil Hannon, de The Divine Comedy, coa exquisita sofisticación nos arreglos que caracteriza os traballos de Leão e que nesta ocasión acadan unha nova dimensión grazas á colaboración da Sinfonieta de Lisboa.

A carreira de Rodrigo Leão comezou nos 80, como membro fundador de Madredeus e de Sétima Legião, dous proxectos musicais senlleiros que abandonou cando se atopaban no seu momento de maior popularidade, porque considerou que o seu proxecto individual tiña moito que achegar ao corpus musical do seu país. Con oito álbums de grande éxito ás súas costas, ninguén dubida que tiña razón. As súas cancións forman xa parte da memoria colectiva de Portugal e do resto do mundo.

Ao vivo, A Mãe susténtase no enorme talento do Cinema Ensemble, a banda que acompaña a Rodrigo Leão e que participa fondamente neste concerto. Xuntos, tecen un directo emocionante no que cancións novas como "Vida Tao Estranha" se cruzan con vellos coñecidos do seu repertorio, como "La Casa", "Voltar" e "Solitude" no nobelo das melodías tecidas pola emoción.



« Programa 2009
Escoita a Rodrigo Leao en mp3:
A Mâe
Espelhos